domingo, 27 de junho de 2021

13 - EMERXENCIA

Poucos días após aquela conversación, en agosto do ano 1800, chegaron noticias a Vigo de que a Súa Graciosa Maxestade, o rei británico Jorge III, ordenara destruir, nun ataque por sorpresa, o Arsenal militar e naval do Ferrol, no norte de Galicia, e tódolos seus buques. Afortunadamente, as forzas armadas e as milicias da vila plantáronlles tal ferreña resistencia, que os xefes dos atacantes decidiron desistir e ordenaron ás súas castigadas tropas de desembarco retirarse aos navíos. Ferrol salvouse e celebrou a vitoria. Pero agora era Vigo quen estaba en perigo.

Logo de conferenciar coas autoridades locais, Buenaventura Marcó convocou aos seus principais colaboradores a unha reunión de emerxencia á que tamén foi invitado Gaspare Masetti. Alí comunicoulles que se lle asignara defender as praias de Bouzas e Alcabre, e quería saber se podía contar con eles, cos seus homes e cos seus recursos, baixo o seu mando sectorial.

Para comezar a organizarse, enviou ao seu fillo con seis condutores de carros a evacuar inmediatamente aos civís de Bouzas, cos seus bens máis preciosos e alimentos, cara ao interior, e tamén contou a todos como foi que o Arsenal do Ferrol salvárase.

Calculábase que a flota de invasión estaba composta por máis de cen barcos e trece mil homes ao mando do contralmirante John Borlase Warren, unha forza impoñente. Pola parte española, o mariscal de campo Vicente María de Quesada, conde de Donadío, comandante da frota estacionada, e o tenente xeneral da Armada, Juan Joaquín Moreno, tiveron apenas tempo para organizar a estratexia de defensa da Vila e Arsenal de Ferrol, mais coa fortuna de que contaban cun plan detallado para iso, elaborado facía tres anos pola Real Armada, en previsión dunha posíbel invasión, xa que España levaba en guerra contra Gran Bretaña desde catro anos antes.

Unha vez avistados os barcos inimigos o 25 de agosto, dispúxose de inmediato o desembarco de forzas da frota estacionada, para tomar posicións, formar unha liña de fortaleza cos navíos de guerra surtos na Ría ferrolá -desde Punta do Martelo a Punta Promontorio-, e situar varias lanchas cañoneiras na bocana da ría, para impedir unha posíbel entrada da escuadra británica e para contribuír tamén á defensa dos castelos de San Felipe e A Palma.

Durante dúas intensas xornadas, as forzas da Armada e do Exército, máis as milicias paisanas do pobo do Ferrol, con destacábel valor, sacrificio e entrega, souberon combater e rexeitar ao invasor.

No seguinte día, dez lanchas cañoneiras fixeron fronte ás tropas británicas que conseguiran chegar por terra ata as inmediacións do castelo de San Felipe, forzándoos a repregarse.

Pouco despois, tras diversas accións nos montes de Brión e Balón, o xeneral inglés de desembarco, sir James Pulteney Murray, a quen seguramente o Almirantazgo pedira un golpe de man rápido sen arriscar moitas baixas, decidiu retirar as súas tropas para reembarcalas na praia de Doniños ao día seguinte.

Buenaventura comunicou a todos que, a falta de dun plan preventivo de defensa como o do Ferrol, o Alto Mando decidira, en principio, imitalo.

Só que non podíase defender a amplísima boca sur da ría viguesa ante unha escuadra tan poderosa e numerosa. Así que o que cumpría era que fechasen a metade interior da bahía, con tódalas embarcacións armadas que tiñan, trazando un arco entre Cangas e Vigo e fortificar coas unidades militares os castelos e a muralla, ademais de atrincheirar aos voluntarios do pobo nas praias próximas á vila, para mostrar ao inimigo que, de intentar desembarcar, acharía unha forte resistencia inicial, en tanto que dábase tempo a que foran chegando reforzos do interior. 

-Polos prisioneiros tomados en Ferrol, sabemos que non só nos superan catorce veces en xente armada, ademáis enfrontámonos a unidades prestixiosas do exército profesional inglés.- Colocou o señor Marcó a verdade sobre a mesa.- Con realismo, só podemos aspirar a resistir canto podamos e a facerlles crer que somos moitos máis que os que somos, e que o terán duro se desembarcan.-

Pola mañá cedo, os veciños de Vigo puideron ollar a simple vista como as Illas Cíes foron rodeadas por todas partes de un mundo de velas inglesas. Un par de embarcacións lograran saír, pouco antes, evacuando ás poucas familias españolas que vivían nelas. Dixeron que contaran ata 125 barcos, entre navíos de guerra e de transporte, co que se calcularon uns quince mil homes a bordo, que xa deberían estar reabastecéndose de auga e reparando danos nas illas.

Masetti púxose incondicionalmente ás ordes de don Buenaventura, como tódolos presentes na reunión de emerxencia e o Señor Marcó, logo de repartir ordes aos capitáns corsarios e aos xefes das milicias de voluntarios, encargoulle a el que fose a Bouzas, con os carros de cabalos que puidese conseguir, a axudar ao seu fillo Ramón Genaro a evacuar aos veciños, ao mesmo tempo que estudaban os puntos máis adecuados para establecer trincheras e emprazar niños de canóns. 

Gaspare fechou a súa nave, enviou a todos os seus traballadores a que puxesen rápidamente en salvo ás súas familias e encargóulles que todos os que quixesen contribuír á defensa xuntásense, o antes posíbel, na praia máis próxima á porta da Gamboa, cos carros dispoñibles. Enseguida dirixiuse á casa de Sofía Sitge.


CONTINÚA MAÑÁ

Nenhum comentário:

Postar um comentário