terça-feira, 22 de junho de 2021

8 - OS BARRIOS DE MASETTI

No seu primeiro tempo en Vigo, Gaspare só visitaba o Casco Vello, ou o Berbés dos pescadores de toda a vida, cando lle era necesario. Os seus barrios preferidos eran os extramuros e máis modernos do lado norleste. Saíndo da muralla pola Porta da Gamboa, tras cruzar os canos que baixaban do monte do Castro, onde facían sua toilette as gaivotas, chapotando contentas na auga doce que desembocaba na praia, atopábase O Areal, o amplo barrio dos cataláns, onde estaban a Aduana e o principal fondeadeiro de buques. 

Fronte a el, o Villar-café, ao que concorrían os veciños de alí mesmo e os tripulantes e pasaxeiros dos buques nacionais e estranxeiros que nunca faltaban no porto, e que, de noite, quedaban incomunicados coa vila murada logo de pechadas as súas portas, igual que el, ainda que Buenaventura conseguíralle un salvoconducto.

No Villar-café, Masetti conversaba a veces con mariños ou pasaxeiros franceses no seu idioma, conversas cas que puido ordenar na súa cabeza, bastante mellor que a través da prensa e das opinións dos españois, a evolución política do país que abandonara cando deixou Marsella, despois do choque que produciulle a noticia da morte de toda a súa familia italiana durante a invasión da Romaña e de seus Estados Pontificios natais, ordenada pola República Francesa e comandada polo xeneral Bonaparte.

O Primeiro Directorio, o que rexía desde París a Revolución, xa aburguesada tras o derrocamento e execución dos terroristas xacobinos, estaba formado por puros politiqueiros corruptos que abandonaron a ideoloxía tinta en sangue da "liberdade, igualdade e fraternidade" pola "acumulación descarada de poder para facer diñeiro rápidamente", e que autorizaron a megalómana aventura de Napoleón en Exipto e Siria, coa esperanza de que aquel perigoso milico se perdese nela e non voltase máis.

Porén, tras perder miles de homes, frota e recursos, sen conseguir nada do que se propuxera, salvo poñer de moda todo o faraónico en París, Bonaparte deixou, sen lealdade nin compaixón, o seu exército completamente abandonado á súa sorte en Exipto, regresou só á Francia e deu seu golpe de estado do 18 de brumario, ou de novembro, en 1799, acabando co segundo e último Directorio autoritario, e comezando o Consulado coa proclamación, un mes despois, da Constitución do Año VIII da República.

Con Napoleón como Primeiro Cónsul indiscutíbel, Urquijo, o iustrado ministro reformista co que o monarca español, Carlos IV, sustituira anteriormente ao seu valido Godoy, comezou a deixar de ser un interlocutor conveniente ante o dictador da Francia, que agora quería reconciliarse cos católicos e que permitiu que un novo papa, aparentemente máis sometido a el que o anterior, fallecido na súa cautividade, retornase ao trono pontifical nunha Roma da que retirou, xusto antes, o disfraz de República Romana, xunto coas tropas francesas que a impuxeron. 

Todas as reformas propostas anteriormente por ministros reformistas para contentar aos que querian dar unha maior participación aos representantes do pobo na conducción política das Españas, acompañando ás castas privilexiadas de sempre, pararonse por orden do Rei, xa que parecía evidente que a ameazante Revolución dos veciños fora finiquitada e superada por Napoleón, quen cada vez conducía con maior firmeza á Francia cara a unha autocracia sen coroa. Por tanto, para Carlos IV non había máis razóns para ceder poder ante os que querían reformar o vello réxime, que tamén era unha autocracia. A monarquía española comezou a fecharse no retorno ao absolutismo borbónico máis tradicional.

O panorama internacional continuaba dominado polo bloqueo inglés, por unha banda, e, por outra, polos pactos contra Inglaterra do Rei de España co Primeiro Cónsul francés, quen ía ningunando aos outros cónsules e centralizando en si, como sen querer, todos os poderes do estado, comprando aos medios de información, que convertían as súas derrotas en Oriente en eventos heróicos, e diluindo na práctica a separación real entre o executivo, o lexislativo e o xudicial, que era o mesmo que diluir a República na Dictadura, tal como fixera Xulio César no remoto pasado, ainda que conservase, cara ao público conformista, a un Senado amordazado e adulador. 

Asi, España aliábase a un vello inimigo, contra outro, común a ambos e mui depredador no mar, voltando a subordinar a súa política exterior á francesa, igual que no tempo do Rei Sol e dos Pactos da Família Borbónica, querendo ver un novo Sol no dictador corso, e non querendo ver, para nada, con cegueira suicida, que aquel antigo xacobino antiborbónico que se disfrazaba agora de estadista moderado e respetábel, amante do direito e da orde, non estaba disposto a ter outros satélites que aqueles, do seu propio sangue ou mente, que a súa vontade ambiciosa quisese colocar ao redor da súa órbita.

Aquela alianza restaurada fixo brotar nas Españas, como fungos despois da choiva, a un novo tipo de afrancesados. Os vellos afrancesados eran os hispanos aristocráticos de élite que, desde que a dinastía dos Borbóns sustituíra á dos Austrias, miraban sempre cara a Francia como cara ao amencer das luces progresistas que ían iluminar e civilizar á España escura anterior, defensora acérrima do Catolicismo, modelo de todo o retrógrado, que non se comprendía como conseguira, a pesar da brutalidade e ignorancia que atribuíanlle os ilustrados e masóns, organizar e manter, durante máis de tres séculos, o primeiro imperio global.

Os novos afrancesados, e tamén os había en Vigo, eran agora xovens petimetres da burguesía, non só máis ilustrados ainda que os seus pais, non só máis desprezadores que eles do conservadurismo tradicional da masa popular do pobo español, porén, fanáticos admiradores do xenio do cónsul Bonaparte, que sentaba un modelo para toda Europa de como podíanse instaurar en paz e firme conducción os aspectos máis modernos e progresistas surxidos da última Declaración dos Dereitos e Deberes do Home e do Ciudadán proclamada polo Directorio Galo en 1795, sen ter que pasar polo indesexábel período radical do Terror que a Revolución provocou. 


O Areal dispoñía de tres fontes públicas para a variedade dos seus veciños, e en case todas as hortas das casas particulares había pozos potábeis; xa que por todas partes deste dilatado barrio brotaban innúmeros manantiais de augas moi puras, máis agradables e mais lixeiras que as da vila.

Cara ao centro das casas pertencentes á parroquia de Santiago de Vigo, achábase situado o convento de relixiosas, que era da Orde Terceira e dependente do Bispo de Tui. Este convento estaba baixo a advocación da Nosa Señora dos Remedios e o estilo do edificio denotaba certa antigüidade. Abondaban ao redor as elegantes casas novas da clase empresarial.

Saíndo do Areal en dirección á parroquia de Teis, atopábase a praia de Guixar, onde alzábase, entre outras naves e algunhas casas e hortas, á beira do carreiro, a súa fábrica e almacén de licores. Desde que adquiriuna de Marcó del Pont, Gaspare, sen abandonar a súa residencia nunha pensión confortábel en Santiago de Vigo, mandou habilitar un pequeno cuarto ao fondo, na segunda planta, subindo unha escada de ferro, xunto ao seu despacho, desde onde víase por dúas grandes fiestras o monte da Guía. 

Sete empregados traballaban para el. Instruiunos e organizounos con tanta dedicación desde o inicio, que agora mesmo conseguían facer fluir a producción perfectamente, co que gañou unha maior disposición do seu propio tempo.

A parte de atrás da nave daba a un amplo patio cun par de macieiras, unha figueira sempre aromática, un níspero e un cerezo, patio que terminaba ante unha mole de rocas escarpadas con fendas profundas polas que deslizábanse lagartixas. Estaba a espesa maleza verdecente toda brillando de milleiros de margaritas amarelas que contrastaban con moitas outras flores silvestres, brancas e lilas. Era unha natureza ben fermosa a daquela terra.

Soaban os cantos dos merliños negros de bico amarelo e os piares dos pequenos gorrións pardos, pousábanse e partían urracas negribrancas, pombas, torcaces,  roliñas, anduriñas ondulantes e as elegantes gaivotas da ría, que viñan terra adentro cando había borrasca no mar. 

Cada unha destas aves parecía ter a sua parella e, na primavera, víanse revoando e xogando xuntas entre a vexetación, tan concentradas en alegres cortexos como se non houbese un mañá. Normalmente Gaspare estaba sumerxido nos seus traballos e negocios, nos seus libros, paseos polos seus barrios e conversas, mas eses eran o momentos en que máis só se sentía.


CONTINÚA MAÑÁ

Nenhum comentário:

Postar um comentário