domingo, 27 de junho de 2021

12 - O QUE ME LEXITIMA

Masetti víase moi elegante, moi cabaleiro e moi seguro de si mesmo, desde que se afirmara e mudara de imaxe, facendo caso dos consellos de dona Teresa. Con frecuencia saudaba a Sofía cando a moza pasaba na fronte da súa nave, e a maioría das veces cruzaban unhas cortas frases sobre como ía mellorando o tempo e sobre o bonita que estaba a paisaxe baixo o ceo azul despexado.

 As palabras non importaban, importaba o tipo de comunicación que íase establecendo entre eles, o contento do un pola continuidade da presenza do outro, a faisca das miradas, o calor no peito, a paz emocional.


Cada trimestre, Gaspare reuníase con Buenaventura Marcó no despacho del para examinar as contas conxuntas, e aquela vez ambos estaban moi satisfeitos polos excelentes resultados que estaba rendendo a súa asociación. Ao concluir, o gran empresario convidoulle a pasar a un luxoso salón contiguo, onde compartiron un café sentados ante unha galería desde a que se vía a ría, os navíos ancorados e a península de Morrazo na fronte, coas vilas de pescadores de Cangas, á esquerda, e Moaña, á dereita. 

Estaban falando da economía e da política nacional e, en certo momento, houbo un longo silencio no que os dous só permaneceron disfrutando a visión da chegada ao porto de un belo bergantín que ía seguido dunha gran bandada de gaivotas.

-Cada día que amence, agradezo máis a Deus por continuar vivo e, cada día, esta terra paréceme máis linda e tamén agradezo pola beleza -dixo despois o señor Marcó, reflexivo-. Cheguei aos 61 anos, Gaspar, e sento que o tempo pasou a toda velocidade. Paréceme que foi onte, pero foi fai corenta anos, que entrei nesta vila de Vigo nun barco como ese, con recursos materiais mínimos, cun saber facer de home novo e ousado que non tiña nada que perder e cunha autorización do rei para usar todo iso, dentro das súas regras de xogo, neste lugar descoñecido, xunto a xentes por coñecer, de tal xeito que el gañase unha boa parte de calquera ganancia que eu fose capaz de obter.

Logo de todas as décadas transcorridas e de todos os sucesos que as cubriron de lembranzas, contemplo a figura do rei que me autorizou a desenvolver aquí o meu potencial, don Carlos III de Borbón, como a dun deus afastado que, simplemente, estaba alí, en Madrid, para garantir que eu era un enviado lexítimo ao seu servizo e non un pirata, porque eu non estaba actuando tan só pola miña conta e conveniencia, senón de acordo coa vontade dun monarca designado pola graza do Altísimo para rexir unha boa parte do mundo, cumprindo a súa lei e baixo as súas ordes e amparo.

Agora ben, Gaspar, aquel rei non era, para nada, un deus. Morreu como morre qualquera home e foi sucedido polo seu fillo, un fillo non tan brillante, a quen sigo devotándolle lealdade e servizo por todo o que representa de mantemento da estabilidade para a sociedade na que vivo, no país ao que amo, en competencia con inimigos tan poderosos.

Eu xa prestara grandes cantidades de diñeiro ao seu pai, que nunca me devolveu, e el herdaba, xunto cun mundo de privilexios, a débeda do seu pai para comigo que eu sabía que nunca me devolvería, senón en forma de novas autorizacións para aquilo que eu solicitase del, se el achaba conveniente concedermas. Na miña apreciación eu tiña máis valores concretos que ofrecerlle a el que el a min... Pode vostede entender o que eu sentía con respecto a el?

-Podo un pouco, desde a miña propia modestísima experiencia -respondeu Masetti-. Podo percibir o que sento fronte ao poder, sen ter eu ningún poder. Máis difícil resúltame imaxinar o que debe ser ter suficiente poder para vivir de forma independente, como estou seguro que o debe ter vostede e, aínda así, ter que seguir rendendo vasallaxe a un suposto protector.-

-Iso é, vostede captou ben esa sutil diferenza. Acrecente que eu tiña consciencia de que a inmensa maioría do que eu conseguira debíase ao meu propio esforzo continuado por facer que seguisen crecendo os meus recursos, e non mermasen, á fronte dunha comunidade de fieis colaboradores pola que eu teño que velar. E que os meus recursos non os herdei do meu pai nin podía, de xeito ningún, descoidar aquela carga e toda a súa responsabilidade diária e entregala a segundos, para eu descansar un pouco dela.-

-Vostede ten varios fillos -dixo Gaspare- e, polo que me dixeron, fillos moi ben preparados e moi competentes... Non lle están axudando a soster os seus negocios?-

-Si, é verdade, Gaspar.- Deus deume excelentes fillos que me colaboran moito e que, en moitos aspectos, melloran a miña eficacia. Dou grazas por iso. E tamén teño varios colaboradores excelentes en quen podo confiar bastante.-

-Felicítolle, don Buenaventura, hai reis que non poden dicir o mesmo.-

-Hainos. E os compadezo. Un pode crear unha gran empresa co seu talento e o seu coidado, porén, as boas relacións coa súa familia e cos seus mellores amigos non dependen enteramente dun. Son, en gran parte, se flúen en harmonía, un agasallo da vida. Aínda que un ten que regar ese xardín todos os días, e este é un mundo en continua mudanza. En calquera momento pódenos caer encima un problema inesperado.-

-Pode contar comigo de chegar ese caso, don Buenaventura, próbeme, se quere. Téñolle o maior respecto e sei moi ben que agora navegamos no mesmo barco.-


CONTINÚA MAÑÁ

Nenhum comentário:

Postar um comentário