domingo, 27 de junho de 2021

14 - DESPEDIDA

-Bos días. Son o seu veciño, Gaspare Masetti- dixo a quen veulle abrir a porta, sinalando a nave da súa fábrica.- Don Buenaventura Marcó pediume que axude a evacuar Bouzas ante a presenza dunha gran frota inglesa. A súa casa non está na posíbel primeira liña de combate, pero si  fronte doutra praia adecuada para desembarcar, xusto o pé da vila, e o inimigo supéranos en número de xeito abrumador. Atrévome a invitarlles a que evacúen tamén, cara ao interior, cos seus bens, durante algún tempo.-

Enseguida toda a familia Sitge estaba escoitándoo, os pais de Sofía, o seu irmán maior, Telmo, outros tres irmáns menores, nenos e nenas, un par de vellos criados e ela mesma.

Telmo pediu inmediatamente ao seu pai que se ocupase de evacuar á familia cara á casa dun parente en Taborda, no val do Rosal, en tanto que  el quedábase a axudar na defensa de Vigo.

A súa nai, angustiada, comezou poñer obxeccións.

El cortouna, con tanta firmeza como agarimo.

-Eu nacín aquí, nai. Este señor é romano, pero vai loitar por nós. Non podo deixarlle só. Pai coidaravos.- E o seu pai mostrou na súa mirada, sen necesidade de dicir nada, que, por honor, non podíase facer outra cousa e que estaba orgulloso do seu fillo.

Os ollos de Sofía eran iguais aos do seu pai. E as cellas. Tambén ela, sen necesidade de dicir nada, estáballe dicindo que lle amaba, que se coidase e sobrevivise, para que puidesen reencontrarse en canto esta crise pasase.

Nun segundo de ollarse, Gaspare confirmoulle o mesmo en silencio e xuroulle que nada, nin ninguén, impediríalle voltar a vela e que estaba tolo por abrazala.


Pouco despois do mediodía, Gaspare chegou ao barrio mariñeiro de Bouzas xunto aos sete voluntarios da súa fábrica, todo o persoal, e Telmo Sitge, conducindo tres carros de transporte de mercancías, entre os que viñan alimentos, armas, roupas de abigo e  unha boa provisión dos seus licores "para dar valor aos soldados e aliviar as súas feridas", como o seu avó don Sixto tería dito.

Púxose a disposición de Ramón Genaro Marcó, que xa levaba un bo tempo axudando a evacuar aos veciños cara ao val do Fragoso, e despexando e acondicionando os lugares onde pensaban situar os canóns de defensa do lugar, que o seu pai aínda non lograra enviarlle. De momento só contaban con tres moi vellos ali mesmo encontrados, superviventes de antigas guerras.

Xusto cando acababan de chegar, os vixías avisaron que unha columna de barcos de guerra ingleses avanzaba cara á praia de Samil desde as illas Cíes. Esa praia era un inmenso areal situado ao sur de Bouzas e Alcabre. Ideal para tentar un desembarco masivo.

-Don Gaspar, Samil non está defendido porque non teño xente suficiente para cubrir tanta costa -dixo rápidamente Ramón Genaro.- Pero temos que facer crer aos ingleses que si o está. Pídolle que faga o favor de encher os seus tres carros con tódolos voluntarios armados de mosquetes que poida, vaian ata alá, coloque un home cada dez metros entre os piñeiros ao longo de toda a praia e fágaos saír de forma visíbel, apuntando, cando Xan Carallás axite esta bandeira.

Entregou unha gran bandeira da Armada Española prendida nunha pica a un dos seus homes, baixo e delgado, con cara de mariñeiro, e fíxolle subir a un carro. Logo pediu voluntarios entre os seus colaboradores, e en moi pouco tempo, os tres carros, cargados de algo menos de trinta homes apertados ao máximo, xa estaban saíndo cara ao arenal sur de Vigo, por un camiño interior.

-Non disparen un só tiro, a menos que os ingleses comecen a arriar lanchas de desembarco- insistira antes Ramón Genaro.- Se nese momento resgárdanse no bosque e oio os seus disparos, enviareilles inmediatamente a metade dos homes de que dispoño. Porén, se desembarcasen en Alcabre ou Bouzas, vostedes escoitarán, non salvas de canóns, senón estrondo de fusileiría. Nese caso, véñanse á toda présa e atáquenos desde o sur, mentres nós disparamos desde o norte e o leste.-

Polo camiño, Masetti fixouse no tal Xan Carallás, que ía con el, abrazando a bandeira recolleita tal como abrázase un tesouro, sen responder máis que con monosílabos respectuosos a tódolos seus intentos de iniciar unha conversación. Finalmente, saíu do seu mutismo para avisarlle de que xa estaban ante o centro da praia que había alén do espeso bosque de piñeiros que flanqueaba o camiño de terra. Baixaron todos e asomáronse á costa entre as árbores, coidando, de inicio, de non mostrarse.

Os cenconta barcos de guerra británicos avanzaban pola ría nunha columna maxestuosa e chea de poderío. Enfiaran directo desde as Cíes a illa de Toralla e, chegando o máis posíbel preto dela, fixeron un carto de xiro á babor e formaron unha muralla de navíos paralela á praia de Samil. Centos de canóns apuntando. Masetti non tiña ningún catalexo para observar as súas caras, pero imaxinoullos recoñecendo cada palmo de terreo e calibrando as posibles defensas e debilidades hispanas, ou o mellor lugar para lanzar o desembarco.

Deixou a Xan Carallás no centro e foi distribuíndo homes ao longo de todo o bosque, ata o extremo sur da praia, onde desembocaba un río. Telmo, convertido por un intercambio de miradas no seu asistente, distribuíu á outra metade ata o extremo norte, onde grandes masas de rochas separaban a praia de Samil da primeira das de Alcabre.

A armada inimiga xa formaba unha ameazadora liña de combate enfrontada en directo contra a praia de Samil, que estaba perfectamente a tiro dos seus canóns. Nese momento, segundo o acordado, Masetti saíu do bosque á branca area apuntando o seu mosquete fronte a si. Sentiuse tan terriblemente vulnerábel como un condenado a morte maniatado ante un pelotón de fusilamento. Nun instante poderían borralo da praia e da vida cun canonazo certeiro. Para manterse, comezou a recitar un Painoso en voz alta e logo, esquecendo a súa segunda parte, outro e outro.

Inmediatamente o escuálido Xan Carallás saíu tamén á praia axitando a súa bandeira como nunha danza, seguido da liña de trinta homes que se deixaron ver atrás del, cubrindo toda a praia e apuntando as súas armas.

Xan Carallás danzaba unha tola coreografía coa súa bandeira, achegándose ás ondas que rompían na praia, chapuzando os seus pés na auga, facendo xestos de provocación para os ingleses, retándoos a desembarcar e enfrontar a píca da súa bandeira, gritándolles todos os insultos e palabróns que coñecía, que eran bastantes, tanto en galego como en español.

Gaspare imaxinou como deberían estar véndoos os británicos desde os seus navíos: Toda a praia ocupada por unha longa liña espaciada de homes armados desafiándoos, talvez moitos máis homes e pezas de artilleiría apostados entre as árbores. Un tolo cunha bandeira chamándoos con xestos furibundos desde a beira. Algúns artilleiros teríano ben encanonado e estarían encantados de que lles desen orde de facelo saltar polo aire en mil anacos.

Pero non houbo tal orde. A escuadra inimiga seguiu deslizándose ben enfiada, cara á súa dereita, rebasando a súa cabeza a metade norte da praia de Samil, ata case asomarse á de Alcabre.

Desde onde estaba, Masetti non podía velo, pero escoitou a primeira salva de advertencia disparada desde un canón de Alcabre, seguida por outra na praia de Bouzas, outras dúas desde os castelos vigueses e tres máis, que deixaron ecos, desde o arco de buques corsarios que formaban medialúa entre Vigo e Cangas, pechando a ría.

O tempo parouse. En canto arrincase o seguinte momento podería comezar o combate, e o final da retaguardia inglesa aínda encanonaba de fronte a parte da praia de Samil onde el mostrábase, repetindo comezos de Painosos mecánicamente.

Non houbo ningunha resposta por parte dos británicos. Manténdose fóra do alcance das baterías españolas, a longa fila de velas brancas maxestuosas, acabado o seu recoñecemento do escenario, deu unha elegante volta sobre si mesma e regresou en orde ás Cíes, coa maior lentitude, coma se non houbese unha guerra polo medio, senón unha bela regata a desfrutar.

Cara ao fin da tarde, o último navío de liña inglés incorporouse á gran escuadra ante as illas. Masetti mantivo ata ese momento á súa fila de homes formada e ocupando o perímetro da praia, con Xan axitando a súa bandeira de cando en vez. Era marabilloso e triunfal estar vivo e ver aquilo.

O ceo estaba dun azul acuarela que se tinguía de violeta e o disco solar baixou dourado ata o horizonte mariño, xusto no medio das dúas illas maiores, ofrecendo un espectáculo tan espléndido, que Gaspare doeuse de que Sofía non puidese estar ao seu lado, compartindo.


CONTINÚA MAÑÁ.

Nenhum comentário:

Postar um comentário