domingo, 20 de junho de 2021

5 - O ROMANO

 Finalmente, Masetti asinou a súa asociación con Marcó ante o escribán da Súa Maxestade, que o rexistrou como "don Gaspar Macetti, romano" porque pensaba que a invasión de Napoleón fixera que os seus Estados Pontificios natais fosen denominados naquel momento, 15 de Setembro de 1799, a República Romana. 

O escribán escribiuno así porque ignoraba que Crevalcore, Boloña e a Romaña, o seu lugar natal, a súa cidade próxima e a súa rexión, non se atopaban máis nos chamados Estados Pontificios, porque baixo o dominio revolucionario francés deixaran de existir, nin tampouco na República Romana, senón primeiro na Federación Cispdana, logo República Cispadana e aínda despois na República Transalpina, estados artificiais con nomes ben característicos do centralismo francés creados a propósito polos invasores con linguaxe manipuladora para mellor sometelos.

Isto é,  para que os seus xovens perdesen a memoria histórica e o especial carácter das súas nacións, forxado durante séculos, a fin de  despersonalizalas e para facer cos seus homes levas de carne de canón republicana contra os monarquistas austríacos, os cales, con todo, conseguiron dominar de novo á Romaña e Boloña en tanto que Napoleón Bonaparte achábase ocupado na tola aventura de conquistar os remotos Egipto e Palestina créndose Alexandre revivido...

Porén, todos aqueles cambios non lle dicían nada a ninguén de fóra da Italia, nin lle importaban a ninguén; os españoles vivían mergullados na súa propia memoria da realidade, como se o seu imperio, xa minguado en Italia e no resto da Europa despois do tratado de Westfalia, aínda fose a gran monarquía global onde non se poñía o sol.

Había en Vigo catro ou cinco apelidos familiares procedentes de Italia entre a burguesía mercantil, como don Felipe Jacobo Magi, fillo dun patrón xenovés afidalgado por matrimonio cunha nativa, Jacobo Zermelo, factor dunha importante firma compostelana, os fomentadores Bianchi, o tendeiro Santiago Felipe Coppa, un boticario moi competente en pequenas ciruxías a quen chamaban Alberto o Toscano... ningún deles, desde logo, era romano, ou sexa, dos antigos Estados Pontificios, e tampouco importaba... en España todos eles eran compatriotas italianos e irmáns, fratelli d'Italia. 

Pero, ante os españois, si que era bo aquilo se ser romano. Por causa do respecto reverencial que os hispanos sentían ante o nome da cidade dos Césares e dos Papas, nai da Civilización e trono de San Pedro. Por caisa diso, o escribán, ademais de influenciado polas altas recomendacións de don Xosué Quinteiro, que presentara a Masetti como todo un cabaleiro moi ilustrado, a pesar da súa mocidade, o escribán real púxolle un título de don que non lle correspondía, xunto cun xentilicio que tampouco. 

Gaspar percibiu enseguida que aquilo era "sorte de estranxeiro", sorte que elevaba moito a súa consideración social local, e non se lle ocorreu desmentilo, de tal maneira que, en diante, comezou a ser coñecido en Vigo como "don Gaspar o romano".

Tamén a xente acabara por chamar ao señor Marcó "don Buenaventura", pero non antes de que os seus enormes e xenerosos préstamos aos reis Carlos III e Carlos IV, que xamais lle foron devoltos, valésenlle un título de fidalguía que ennobreceu á súa familia e serviu de honrosa plataforma ás carreiras dos seus fillos.

...Os administradores e traballadores que Buenaventura proporcionou a  Masetti resultaron ser moi eficientes e, en apenas un ano, a fábrica estaba producindo moi ben e a maior parte da súa producción xa fora prácticamente comprada polos clientes de Marcó, antes de acabar de elaborarse. Todo parecía fluír do mellor xeito posible ao comezar o novo Século Dezanove sobre aquela nova terra que escollera para vivir e traballar en paz.

O seu socio e protector, Marcó del Pont, residía coa súa esposa, doña Juana Ángel y Méndez, nunha ampla casa na rúa Arenal, a principal do barrio dos cataláns, aínda que, por ter casado facía moitos anos con aquela viguesa descendiente dunha rama doutra rama da nobre Casa de Sotomayor, e por ter sido veciñoda prestixiosa Rúa Real, xa non se lle consideraba máis un catalán nin figuraba como catalán nas relacións de cidadáns.

Situada en fronte da ría e dos barcos, a súa casa era ampla e luxosa, a única de Vigo cun oratorio privado, de varias plantas con galerías, nas que o matrimonio criara aos seus fillos, que xa eran persoas de élite, con altos destinos nos negocios ou no exército: Francisco Casimiro era oficial de infantería en Cataluña. Ramón Genaro, o eficaz axudante do seu pai nos seus negocios en Vigo. Ventura Miguel levaba tempo sendo consignatario de buques e fundador dunha casa de comercio en Bos Aires e accedera aos moi importantes cargos de rexidor e síndico do Real Consulado daquela cidade, sempre loitando polo libre comercio contra os monopolios.

O seu irmán menor, Juan José, dedicouse á carreira militar e máis tarde aos negocios en Madrid e en Bos Aires, colaborando cos do seu pai. Facía seis anos fora enviado a México como Vista Principal da Aduana en colaboración co Marqués de Branciforte e Godoy, e retornado a Madrid recientemente.    

Manuel María era outro fillo de don Buenaventura incorporado no exército español, que destacou durante a Guerra do Rosellón e as  Campañas da Cerdaña contra a República Francesa, ao mando do Xeneral Ricardos, onde fora camarada do capitán don Juan Clarós, o primeiro español co que Gaspare fixera amizade ao chegar á primeira viliña de fronteira de Cataluña un ano antes. Outro fillo militar de Marcó era Pedro Ángel, capitán-axudante do batallón de voluntarios de Gerona, 

O gran empresario tamén tiña dúas fillas. A maior, moi bela e moi señora, chamábase Ana Jacoba e estaba casada con Don Juan Fontán y de Pueyo, o señor do Pazo de Baión ou Granxa de Fontán, onde se elaboraba o mellor viño da rexión das Rías Baixas, tan bela e rica que se dicía que tallouse cando Deus posou os cinco dedos da sua man sobre o litoral Oeste de Galicia, para contemplar o mundo que acababa de crear.

En Galicia, un pazo é unha mansión señorial con certo aire de castelo, normalmente servida de amplas leiras, nacentes de auga, pastos e bosques, rodeada de muros de pedra e escudos nobiliarios erosionados polas choivas e tinguidos de musgos ou líquens verdes, grises e amarelos.

María Magdalena, a filla menor de Buenaventura, moza recatada, permaneceu solteira coidando da súa nai, como era tradicional para a máis nova, ata entre aquelas familias que podían permitirse ter varios criados e criadas. 

Para preservar a intimidade dos seus fogares, Buenaventura e o seu fillo Ramón Genaro tiñan os seus despachos noutro edificio próximo, gardado cunha moi elegante porteiría, onde recibían continuamente persoas e onde atopábase, tamén, a biblioteca Marcó.

CONTINUARÁ MAÑÁ.

Nenhum comentário:

Postar um comentário