sábado, 19 de junho de 2021

4 - O GRAN EMPRESARIO

 Primavera de 1800


Era espléndida a primavera en Vigo e en todo o contorno da súa bela bahía, radiante de verdor e de margaridas douradas, máis aínda porque nela acababa de inaugurar Gaspare Masetti a súa fábrica ante a praia de Guixar, "Aguardientes y Licores de Galicia". Tratábase dunha gran nave que fora un dos almacéns de material náutico de Buenaventura Marcó del Pont, a quen chegou recomendado polo seu primo, o señor Ribó, desde Barcelona.

O señor Ribó, dono dunha distribuidora de produtos de todo tipo na gran cidade catalana, era quen aconsellara a Gaspare establecerse en Vigo, cando o italiano abandonou a sempre convulsionada Francia para probar fortuna en España, unha vella monarquía imperial e global bastante estábel que, a diferenza do resto de Europa, parecía a salvo da agresividade expansiva dos seus revolucionarios veciños, xa que, a pesar de ter guillotinado ao primo francés do rei español, necesitaban manter a sua alianza con el, para contrarrestar xuntos o crecente dominio dos mares polo común inimigo británico. 

Foi Ribó quen facilitoulle pasaxe para el, o seu carro de licores preciosos e os seus cabalos, no "Santa Victoria", propiedade de Buenaventura, a cambio de que axudase aos señores Quinteiro e Puime a inventariar e controlar as mercancías que lle enviaba.

Xosué Quinteiro,un home maior, era un dos secretarios galegos de Marcó del Pont e tamén o principal encargado da súa biblioteca en Vigo. Aínda que non era fidalgo, todo o mundo chamáballe don Xosué por causa da súa brillante ilustración vocacional e pola súa intelixencia e xeitos de diplomático.

Durante a longa travesía teve tempo dabondo para calibrar ben a Masetti, polo que puido presentarllo ao seu patrón con moi boas referencias, logo daquela chegada triunfal e lucrativa.

Así que o gran empresario acolleuno, escoitoulle con moitas atencións, apreciou enormemente a mostra de excelentes licores da súa propia alquimia, facilitoulle o seu primeiro aloxamento e introduciulle ás potencialidades comerciais da rexión.

Buenaventura era socio principal de dúas fábricas de aguardentes en Pontevedra, a cidade máis próxima, capital da provincia, e ofreceulle que pasase un mes en cada unha, como delegado supervisor dos encargados no seu nome, con toda a súa estancia paga, e que lle fixese un informe de canto vira nelas, máis un proxecto de como, ao seu parecer, podería mellorarse o seu funcionamento integral.

Pontevedra era unha cidade moi vella, bonita e moi agradábel, fidalga, administrativa, militar e clerical, cun centro monumental e luxoso, enmarcada nunha ría bucólica; porén, carecía do empuxe creativo e constructivo que el sentira nada máis chegar a Vigo e que talvez tivo no pasado medieval, antes de que as areas do río Lérez cegasen o seu porto. O tempo parecía fluír tan devagar nela como o seu río, tamén o tempo produtivo das dúas fábricas de aguardentes asociadas ao señor Marcó.

Gaspare atopou rápidamente e expuxo formas de multiplicar por dous os seus resultados, pero dubidaba moito de que aquela xente tan tranquila, acomodada, parsimoniosa, aristocrática e afrancesada nos seus xeitos, puidéseas realizar e manter, segundo el marchase.

En canto tivo en man ambos proxectos, aos cales Masetti agregara unha proposta de fabricar varias liñas dos seus licores máis finos, totalmente novas na rexión e na España, o gran empresario estudounos cuidadosamente durante un mes, fundiunos nun só para ser realizado en Vigo, fixo as súas propias suxestións e, xa inmediatamente, citou a Gaspare na súa nave baleira e ofreceulla, xunto cun bo pacto.

Masetti, home cauto, solicitara unha semana para pensalo e asesorouse canto puido, pero pronto atopou que era a "única máis favorábel proposta" que se lle ofrecía.

Logo de terlle pago unha entrada razoábel polo seu local, vendíallo da mesma xeito en que vendera antes a múltiples emprendedores, xa industriais, comerciantes, navieiros ou corsarios, sobre todo cataláns como el, que fóranse establecendo no prometedor porto galego en crecemento.

Marcó del Pont, rexidor ou conselleiro perpetuo de Vigo, que tamén tiña outros innúmeros cargos e funcións -"il capo de tutti capi", como dirían en Italia-, conseguíache todas as licenzas e permisos para desenvolver o teu negocio, colocábache en contacto con proveedores e clientes e proporcionábache bos asesores xurídicos, administradores ou traballadores.

Ata adquiría unha parte da túa produción por adiantado para vendela no resto da Península ou nas Indias pola súa conta, co que che aseguraba unha base de ingresos desde o primeiro día. A cambio, ti íaslle pagando en man os intereses trimestrais do resto do que lle debías, máis unha participación dun 10% das túas ganancias, contabilizadas por un dos seus contadores, na que incluíase un seguro para a túa fábrica e os teus produtos.

Buenaventura Marcó chamaba a aquela forma de facer negocios "desenvolvemento cooperativo". Se íache ben, gañabas independencia, pero nunca podías facerlle verdadeiramente a competencia porque el tiña participación no teu negocio. Se íache mal, el estaba alí para apoiarche cos seus seguros, préstamos, avogados ou influencias, aínda que aumentando os seus intereses ou a súa porcentaxe de participación, segundo o risco. Todo razoábel e claro, vello réxime ilustrado e progresista, cun tanto de feudal e outro tanto de moderno.

A asociación dos empresarios cooperantes comprometíase, no contrato, a facer canto posíbel por desenvolver constructivamente a vila galega, ata que puidese converterse en toda unha cidade e ata na capital da provincia. O progreso de Vigo significaba o progreso de todos os seus residentes, xa os empresarios ou os seus colaboradores. "Os seus colaboradores, non os seus traballadores" -dicía Buenaventura-, "...porque, en Vigo, cada verdadeiro empresario é un traballador máis, e o que ten que dar o mellor exemplo de bo traballo a todos os seus compañeiros e veciños."

E sempre dispoñías da vantaxe, igual que os corsarios dos seus barcos, ou clientes fixos ou o resto das duascentas ou trescentas persoas que traballaban para el de forma máis ou menos directa, de ser atendido por seus médicos e de comprar no seu economato canto necesitases, a un prezo ben máis barato que no mercado normal; ou ata conseguilo fiado, se estabas pasando unha mala racha, só con que el escoitáseche e autorizase ao caixeiro. Se querías liquidar ou vender o teu negocio, el tiña preferencia para adquirilo, ou para que o adquirise un recomendado seu. 

Todo atado e ben atado no seu pedazo escollieito do mundo.

CONTINUARÁ MAÑÁ.

Nenhum comentário:

Postar um comentário