sexta-feira, 2 de julho de 2021

21 - MULLER E CIVILIZACIÓN

Ao redor das illas Cíes, día e noite fronte a eles, o mar seguía fervendo en velas británicas, metade delas recollidas. Pero nada acontecía, salvo vixiar, esperar e aburrirse que, en galego, é o mesmo que aborrecerse. Aborrecerse de todo moito, moito... tantas cousas boas que un podería estar facendo, e ahí, colado ás rochas sen poder saír da praia, baixo un sol de xusticia, como un percebe. Todo porque a un rei estranxeiro dun país lonxe p´a caramba, deulle por interferir na túa vida. Aínda ben que non lle dera ao tempo por chover, tamén.

A veces, algún dos homes de Masetti baixaba ata a beira da praia e soltaba unha gran insultada aos berros para desafogarse, pero nada daquilo atraía ao inimigo nin o facía fuxir. Os voluntarios conversaban todo o tempo entre eles para matar o tedio, pero as únicas conversas que tiñan suficiente sustancia para entreter a Gaspare eran as que mantiña co irmán de Sofía Sitge. Bastaba abrir o seu libro da creatividade, e xa xurdia tema para darlle xuntos ao coco e ás linguas por un tempiño.

-"A independencia e o benestar das mulleres marca a medida do grao de civilización de calquera sociedade". A conta de que ven esta frase que apuntaste aquí, Telmo?-

-É outra das que copiei do libro de viaxes do inglés Jardine. El dicía que, canto máis primitivas as sociedades, con menos delicadeza son tratadas as mulleres. Menosprezar e degradar ao sexo feminino é típico do estado salvaxe en tódolos lugares do mundo, a Jardine non gustoulle nada, por exemplo, como eran tratadas nas montañas do Rif, en Marrocos.-

Nas tribos máis brutas, quen mandaba era o asesino máis forte, a súa cuadrilla de matóns, os seus clientes e a carne de canón tribal, por orde de poder. Tódolos bens que tiñan, ou os que arrebataban aos veciños con os que sempre estaban en guerra, eran da tribo, e os usufruían de forma comunitaria, pero xerarquizada; e as mulleres, os nenos, os escravos e os animais eran como cousas, e pronto. 

Pola contra, estaba claro que a condición feminina ía mellorando nas sociedades máis avanzadas, a medida que establecíase a propiedade privada dunha favorita que os chefóns non querían compartir con ninguén. Desa exclusividade, acababa, por lei do grupo decretada polo poder, instituíndose o matrimonio estábel e o dereito de herdanza, os cales outorgaban maior seguridade e medios de subsistencia ás persoas das favoritas e aos fillos dos caciques con elas. 

Nun grao de evolución máis avanzado, surxía o que nós chamamos a familia e, no seguinte, o trato cortés continuado entre os sexos redundaba no refinamento dos afectos, a moral e os costumes civilizados, non só na familia dos mandamases, porén, en todo o grupo.

Jardine facía unha lista das cualidades femininas que apreciaba, tales como modestia, refinamento, decencia, suavidade de maneiras, sensibilidade... e aseguraba que contribuían de forma moi importante, nunha sociabilidade entre os sexos, ao desenvolvemento das artes e ao perfeccionamento da civilización, domando a natural rudeza do home guerreiro, e propiciando a delicadeza dos sentimentos e a harmonia familiar e conxugal.

El pensaba que na evolución histórica progresa algo así como un proceso de «feminización» da sociedade, tendencia desexábel, ao mesmo tempo que ameazante, caso de saír do xusto medio e radicalizarse, na medida en que pode desprazar ao home do seu "tanto monta, monta tanto" na familia, e ata afectar á cordura masculina a causa da dependencia con que as mulleres suxeitan aos varóns coas súas armas de desexo e sedución, abrindo ou fechando os caudais dos seus prazeres ou reproches, segundo lles convenha.-

-Sobre esta preocupación, eu acho que el coincidía con outros viaxeiros ingleses -seguiu Telmo- que, tal vez influidos pola relación literaria entre don Quixote e Dulcinea, vían ao español popular típico como embriagado do antigo espírito do cabaleiro andante, en canto á forma en que dirixíase ás mulleres. 

...E dicían que os poetas hispanos case sempre identificaban ás súas amadas e musas como deusas ideais ou como inmaculadas fillas da Virxe María, con toda unha extravagancia barroca para eles moi exagerada, porque máis parecía unha idolatría católica polo sexo feminino en xeral, a cal estimulaba a soberbia das féminas hispanas, que unha admiración galante polas belezas e virtudes reais de unha muller concreta.

...Por isto razonaban que lles parecía un certo signo de atraso cultural colocar ao sexo feminino completo nun altar, en lugar de valorar na súa xusta medida as cualidades das mulleres virtuosas unha a unha, como presumían que facíase na progresista Inglaterra.

-Dixiste que o tal Jardine acabou sendo cónsul na cidade de A Coruña -apuntou Masetti-, así que el debeu coñecer bastante ben esta terra. Estou curioso por saber que era o que el opinaba sobre as mulleres galegas.-

-...Pois parece que falaba das galegas como dirixentes dun matriarcado dentro da casa familiar, tan imperioso como el nunca viu noutros lugares das Españas, e sorprendíase  da igualdade da súa relación cos homes galegos, descrebendo como elas realizan no campo tarefas consideradas noutros países como masculinas, por exemplo cultivar as leiras enxada en man, entanto que os seus maridos traballaban fóra da casa ou no mar... e coméntase que Jardine non sabía moi ben se este reparto de roles e tarefas debería entenderse  como un signo do atraso ou do progreso social do noso pobo.

Desde logo, gustaba de España e, desde a súa moral británica con base no puritanismo, esperaba que as dignas mulleres españolas fosen suficientemente sensatas para non deixarse arrastrar ao relaxamento de costumes que traz consigo o laicismo e o desenvolvemento económico e social da modernidade, acompañado pola difusión de valores tan hedonistas como os que afectaron ás francesas de despois do Terror.-

-E que é o que opina a túa nai desta teoría de que a independencia e o benestar das mulleres marca a medida do grao de civilización dunha sociedade?- Preguntoulle Masetti, para sonsacarlle información sobre a súa familia.

-Pois case é a mesma teoría que a dela, ou da súa propia nai, que debeusella ensinar. Ela sempre di que son as mulleres quen fan que unha casa pareza civilizada, e que os homes somos seres tan simples e descomplicados que, se fose por nós, seguiriamos rascando a barriga nunha caverna e só saíndo a cazar ou pescar cando nos apertase o fame ou os reproches da parenta. Tamén está segura de que, se as mulleres mandasen, non habería guerras no mundo... a menos que os seus fillos fosen ameazados.-

-Houbo raíñas en España e Inglaterra que desmenten iso último...A túa irmá Sofía pensa o mesmo que a túa nai?-

-A miña irmá vai máis aló, Gaspar -dixo Telmo.- Ela di que non hai que conformarse con manter ordenado e civilizado o propio fogar, senón tamén facer progresar, ordenada e civilizadamente, á propia comunidade na que un vive.-

-Iso di ela? -Admirouse Gaspare- E cal é a súa teoría de como manter civilizada a súa propia comunidade?

-Ela é máis de práctica que de teoría, a Sofía- dixo Telmo con visíbel aprecio-, a teoría xa está contida no cristianismo que todos mamamos aquí. Obras son amores, no basta coa fe e con rezar moito, di o párroco de Teis, don Camilo, e engadiu que seriamos como salvaxes se permitísemos que houbesen nenos en Vigo pasando fame, vivindo na rúa, ou estando doentes sen recibir coidados, ou analfabetos sen recibir instrución básica, e el foi quen colocou súa teoría en práctica. A miña irmá tamén é desa madeira.-

Calou Telmo porque estaba atardecendo e o espectáculo natural da Ría de Vigo tornábase máxico, case místico, incluso fantástico, por ter enfrente toda a frota británica, que comezaba a acender luces de situación nos navíos, na medida en que o sol laranxa sumerxíase no oceano entre a Illa Norte e a Illa Sur do archipiélago das Cíes, portal das etéreas Illas dos Benaventurados, para os antigos. Desfrutaron os dois en silencio reverente da despedida do sol, o que era case unha liturxia para os vigueses sensibles.

 

CONTINÚA MAÑÁ.

Nenhum comentário:

Postar um comentário