sábado, 3 de julho de 2021

23 -CELEBRACIÓN

 Fondeados ante as illas, os anglos mantivéronse dúas longas semanas nelas, sen volver a provocar enfrontamentos, entanto que Buenaventura, sen querer facer caso ao tenente LLanza, lograba a fazaña de situar en Bouzas e Alcabre ata oitocentos homes e moitos canóns, a maioría procedentes dos buques corsarios, que se quedaron, fóra dos catro maiores, con apenas dous ou catro cada un, porque sabían que non eran rivais contra aquela poderosa armada. Ao mesmo tempo conseguiu que diversas columnas de reforzos próximos de militares ou de milicias foran confluíndo cara a Vigo desde o interior da provincia. O empresario, de xeito ningún quería ceder ao inimigo a súa vila e os seus bens, antes de tentar defendélos canto poidese.

Finalmente, a escuadra inimiga, que xa debera recibir ordes de Inglaterra, considerou que o seu obxectivo prioritario perdera a súa oportunidade, e todas as naves foron desaparecendo cara ao sur. Só moito máis tarde chegaron noticias de que arribaran a Xibraltar, xusto cando acababa de declararse un brote de peste naquel porto.


A partida dos ingleses xerou unha inmensa alegría en Vigo e un inconteníbel desexo de gozar da vida e do momento, porque nada dá máis felicidade ás persoas que poder facer as súas vidas en paz e sen ameazas perentorias pendurando sobre as cabezas como espadas. 

Vigo e a súa vida cotiá, tal cal era, era unha festa. Todo o mundo correu a reencontrarse, abrazarse e celebrar con todo o mundo, de mil maneiras. A boa vida española, o verán galego no que, cada día, varias vilas ou viliñas dos catro puntos cardinais celebraban baixo o ceo azul ao séu patrón o patrona, con campanadas, romería, feria, comilona colectiva, gaitas e danza.

Masetti entrou con bo pé na casa da familia da familia Sitge como amigo e camarada de Telmo, e entón decatouse de que así como o pai de Sofía evacuara coa nai e co resto dos fillos novos a Taborda, ela, xunto coas outras colaboradoras do padre don Camilo, levaran aos orfos en dous carros ata a casa campesiña dunha delas no val interior do Rosal, e tivéronos alí durante as dúas semanas de ocupación das illas Cíes pola frota estranxeira.

Agora Gaspare podía chamar cando quixese á porta dos Sitge, xa que era íntimo amigo de Florencio, e non só compartía con el, senón con todos os membros da familia e, ás veces, había momentos en que ata quedábase só con Sofía.

Foi entón que comezou a descubrila como persoa e como universo. A súa primeira atracción intensa por ela fora motivada por causas absolutamente subxetivas, estrañas á súa comprensión, ou ocultas. Todo aquilo abría paso, agora, a un coñecemento dunha nova persoa que, en canto ao campo magnético do feminino para un home novo, representaba, ante Gaspare, algo completamente diferente de canto coñecera no seu pasado.

Ela non se parecía á súa nai, nin as súas irmás, nin tiña que ver coas súas veciñas en Italia, coa xente que coñeceu nas súas andanzas comerciais polo mundo nin, desde logo, con todas as mulleres que coñeceu despois en Francia, mayormente prostitutas, aínda que algunhas fosen prostitutas cultas e finas como Brigitte.

A Sofía situábaa noutro nivel, e moi alto. Ao mesmo tempo ela era todo o firme que ten que ser unha persoa que coida dun grupo de neniños travesos, imaxinativa, cariñosa, carismática, fluente, con ideas propias, e sabendo ser determinada no cumprimento puntual do que é preciso facer, disciplinada, valente, sincera con consideración, ben organizada e brillante en canto facía. Cada día, Gaspare descubría un novo motivo de elevación para a súa admiración por aquel fermoso ser.

Como cooperou como voluntario na reinstalación dos nenos na casa parroquial de Teis, tivo despois a oportunidade de ver a Sofía acompañando aos seus pupilos durante o programa de actividades diarias deles, e pareceulle fascinante o trato dela cos pequenos. Acompañounos unha tarde enteira, participou nos seus xogos e aprendizaxes e ela pediulle contar á pequerrechada como fora a súa experiencia de defensor improvisado da vila que escollera para instalarse.

Os catorce rapaciños estaban afeitos a arremuiñarse sobre unha gran alfombra con coxíns ao redor de quen contase unha historia, que con frecuencia eran eles mesmos, e prestáronlle a maior atención.

-Cando eu tiña once ou doce anos -comezou Masetti-, vivía nun mundo de continuas aventuras creadas pola miña imaxinación, e sentíame capaz de todo e inmortal. Nas trincheiras e barreiras que construímos na praia de Alcabre retornei a vivir na maior das aventuras, que é defender a túa propia vida e a da túa xente compañeira contra un inimigo poderoso e numeroso, que pode acabar deixando o lugar como un cemiterio destruído e queimado.

Pero dentro daquela aventura intensa e novedosa na que me nomearon comandante dun dos grupos de voluntarios que estaban alí para defender a súa comunidade, había o decatarse, con total clareza, da propia debilidade, dos poucos medios, da miña falta de experiencia na guerra, da dificultade para recibir maiores axudas, do medo a fracasar, da vergonza insoportábel de ter que escapar, ou de renderse, ou de ser ferido e quedar inválido, ou de morrer.

Asombrábame de que os meus compañeiros puidesen obedecerme, a min, un estranxeiro recentemente chegado, colocado alí pola vontade dun gran empresario local. Viña por alí todos os días un tenente de granadeiros que intentaba transmitir un mínimo de organización e instrución militar aos milicianos, e daba ordes sen explicacións previas e sen a menor dúbida de que serían obedecidas inmediatamente.

Polo contrario, eu dicía calquera cousa aos meus supostos subordinados e dicíao como preguntando se estaban de acordo ou se alguén tiña unha idea mellor e, cando eu, despois, entendía o que todo o mundo quería facer, e daba a orde de facelo, todo o mundo obedecíame ata o cumprimento.

Defender unha posición contra unha escuadra poderosa armada de moitos canóns implica un gran traballo. Tivemos que cavar trincheiras profundas entre as rochas e protexelas con parapetos de innumerables sacos de area. Estabamos traballando todo o día, vixiando, coidando a hixiene para evitar enfermidades, e mantendo unha continua comunicación co resto dos grupos de defensores ou centinelas de Bouzas ou Samil. Viamos alá, na fronte, a toda hora, o mar de velas do inimigo ou as súas luces, e estudábamos calquera movemento seu. Coidabamos, de forma moi responsable, de non ser sorprendidos na noite ou ao amencer.

No medio de toda aquela actividade coordinada e atenta, enchíanse, con todo, as nosas mentes de todo tipo de pensamentos, útiles e construtivos; ou inútiles, perniciosos, destrutivos. Os máis destrutivos mostrándoche o perigoso e absurdo de estar metido naquela situación, e instándote a desertar, a abandonar a defensa e aos teus compañeiros, a saírche daquilo e fuxir cara ao interior.

Que é o máis importante que vos podo contar, rapaces? Contareivos o que me facía non fuxir, e seguir alí, ao pé dos canóns, traballando e vixiando todo o tempo, mantendo o ánimo e a coordinación axudadora e útil co resto da miña comunidade escolleita.

O que facíame seguir alí era un sentimento que os españois chaman dignidade. Cada un de vós sabe que ten un pensar e un sentir diferentes dos demais compañeiros do voso grupo, pero hai algo que todos sentimos igual: todos queremos que se respecte o que somos e, sobre todo, todos queremos ternos respecto a nós mesmos. Iso é a dignidade.

Eu podo seguir respectándome a min mesmo aínda que os meus compañeiros non me respecten, pero só o consigo se estou seguro de que comporteime con responsabilidade, seriedade e con respecto á dignidade dos demais. O que inclúe non deixalos abandonados no momento en que necesitamos permanecer unidos para opoñer maior forza a algo moi forte que nos ameaza a todos. Estades a comprender, mozos?-

Todos os nenos dixeron que si inmediatamente. Un deles, o que parecía máis pequeno, engadiu:

-Non somos irmáns, pero somos unha familia.-

Sofía, de súpeto, recolleuse sobre si mesma, inclinou a súa cabeza sobre o peito e finxiu que se queixaba:

- Aiiii...Estou soa, non teño forza nin casa, nin comida nin diñeiro, sento medo. Quen me poderá axudar?-

-A túa familia! - Gritaron os nenos, e todos correron a abrazala nunha piña alegre e apertada.-

-Que é o amor?- Preguntou ela para os catorce.

-Estimar, confiar e axudar!- Responderon eles ao unísono, pois o tiñan moi ben apreso.- Gaspare estaba conmovido. Ela chamouno cun xesto, e el uniuse á piña de abrazos, sen atreverse a tocala directamente, aínda que sabía moi ben que xa era aquela a súa familia e por que non podía abandonala.


CONTINÚA MAÑÁ

Nenhum comentário:

Postar um comentário