sábado, 10 de julho de 2021

28 - A ASEMBLEA NACIONAL

-Desde a toma da Bastilla -contaba Andrea Massena-, non houbo outro poder en Francia máis recoñecido e obedecido que a Asemblea Nacional, cuxos membros xuraron non disolverse ata conseguir darlle unha Constitución ao país, unha lei fundamental que satisfaga a todos os estamentos sociais. En principio nin contaban coa nobreza e o clero, pero, logo dun mes, os altos testamentos decidiron que non lles conviña non estar presentes, así que enviáronlles os seus deputados, e formouse en París a Asemblea Nacional Constituinte.

Pero, entre tanto, o espírito revolucionario, da man do descontento popular, está adiantándose a ela, tanto nas cidades como nas vilas, en puras accións directas de derrocamento da antiga orde, queimando títulos sobre servidumes, dereitos señoriais ou de propiedade de latifundios, atacando castelos e palacios, obrigando á Asemblea, ata aos nobres, polo medo que lles causan, a lexislar de acordo co que os axitadores do pobo insurrecto demandan.

...En agosto de 1789, a Asemblea, xa non era máis a do Pobo Francés nin a do seu Estado, senón a "Asemblea da Nación".-

-O que se entende por nación?- preguntou Masetti con interese.

-Nación é unha idea de comunidade, unha comunidade que se imaxina e séntese, isto é, a dos membros dun colectivo que se senten vinculados cultural e históricamente entre si. -Respondeu Andrea.-

-A miña viliña natal é a miña nación?-

-Non. A pequena vila en que naciches non é aínda unha nación, pensa en algo máis amplo...-

-...A Emilia-Romaña, Os Estados Pontificios?-

- Máis amplo aínda, home, non sexas tan curto -insistiu Masenna.- Iso segue sendo apenas a túa rexión natal e o estadiño local que ten poder sobre tí, se vives suxeito ás leis dese territorio. Pensa máis amplo aínda, pensa en algo que che vincula comigo.-

-Italia? Os dous somos italianos, aínda que de distintos países e con distintos señores.-

-Iso é, Italia é a nosa nación histórica, ainda que non sexa un estado. Talvez algún día chegue a sélo. Os dous entendémonos en italiano florentino, que é a lingua do Dante, filla do toscano e do latín de Roma e logo da Igrexa. Tódolos italianos estamos vinculados históricamente desde que a nosa península era o país-corazón da gloriosa República Romana.

O país, digo, non os paisiños rexionais da península, sen grandeza comparábel á que alcanzou Roma, por moi ricos que fosen os seus aristócratas ou oligarcas. Unha vez que unha gran nación fragméntase, só porca miseria para os habitantes dos anaquiños, porque xurden muitos máis oligarcas e os seus gorilas a sugarlles o sangue, e máis próximos.

 Esquécetete de paisiños e dos seus señores locais. Esquéceche ata do Papa como señor temporal dunhas pequenas rexións. Os antigos señores están agora mesmo nun momento de baixa.-

-Por que o están?- Preguntou Gaspare, un pouco picado porque lle amentasen ao Papa como un simple señor temporal de pequenas rexións... aínda que fose a verdade.

-...Porque a Asemblea Francesa fixo algo que fai dez anos sería impensábel -explicou-: aboliu por lei o feudalismo, os desmos e a xustiza exercida polos señores locais, instaurando a igualdade de tódolos cidadáns ante os impostos, as penas e o acceso aos cargos públicos... -

-E que fai o Rei Luís XVI ante todos eses grandes cambios? -Preguntou Gaspare, sen atreverse a opinar sobre outras opcións políticas que as que parecían interesar ao seu patrón.

-Facer, é pouco o que pode facer. Ese pobre rei e a súa raíña austríaca foron obrigados por unha turba de mulleres furiosas, que protestaban pola escaseza do pan, a abandonar o seu paraíso celestial de Versalles e a marcharse a vivir ao palacio real de París, baixo vixilancia.-

-Por que os levaron a París?-

-Porque só nunha gran cidade como París, con moitos burgueses ricos, medio ricos e ilustrados, e unha milicia cidadá composta e armada por burgueses, podíase facer e manter en desenvolvemento unha revolución como esta, que se basea na demagoxia e en buscar e sinalar ante a plebe soliviantada presuntos culpables de tódolos males do país, a quen castigar.

A Asemblea tamén coidou de diferenciarse do réxime anterior, publicando a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, que establece o principio de liberdade, igualdade e fraternidade, de forma parecida a como os estableceron os colonos norteamericanos na súa Declaración de Independencia. E está claro que se pretende que estes principios sexan a base fundamental da futura Constitución.

Con todo -seguiu-, todos eses cambios e todo o medo que xeran están provocando que cada vez máis nobres saian do país, e conspiren para fomentar unha guerra civil en Francia, ou para conseguir unha intervención do Austria ou das demais monarquías estranxeiras, a fin de restaurar a vella orde, antes de que a insurrección prenda tamén nos seus países.

Así que, Masetti, segue producindo todo o que poidas, e intenta conseguir uns sabores ben parecidos aos desas mostras que che trouxen, dos licores finos que consumen os exquisitos que aínda quedan en París, que antes eran nobres e agora son revolucionarios ricos... e verás que, deica pouco, as túas botellas terán unha demanda enorme, a un prezo moito máis alto que ao que as estamos vendendo agora.-

A seguinte vez que Massena visitou a Masetti, veu nun velero desde Antibes, territorio francés próximo, ao que trasladara a súa residencia, logo do seu matrimonio cunha bela francesa.

A familia da súa noiva, a señorita Anne Marie Rosalie Lamar, unha rica herdeira, esixiulle que deixase o servizo activo no exército, se quería casarse con ela, e Massena deixouno, pero seguiu comandando a súa rede de contrabandistas, un pequeno exército de verdadeiros piratas, que introducían en Francia calquera clase de bens, procedentes de Italia, que tivesen boa demanda.

Massena contoulle como a revolución íase facendo cada vez máis pesada e esixente en París, ao fracasar todos os intentos por mellorar a economía do pobo chan. Non serviu proclamar a lei marcial para parar os tumultos, nin liberar os préstamos con usura, nin nacionalizar os bens do clero católico, nin destituír ao ministro de finanzas.

-A cousa está tan mal -dicía-, que non parece que se poida resolver isto máis que provocando unha guerra, que permita colocar a todo o mundo baixo disciplina militar, ao mesmo tempo que inténtase que o Estado se recapitalice.-

-E como están pensando en recapitalizar ao Estado? -Preguntou Masetti.

-É obvio, home, polo procedemento de toda a vida de arrebatarlles pola forza un bo botín e tributos aos estados veciños. -Respondeu Massena, como quen explica o que non necesita ser explicado.

-Tanto é así, amigo Gaspare, que eu mesmo estou estudando a posibilidade de volver facer carreira no exército, acépteo ou non o acépteo a familia da miña muller, porque, de acordo co que se está propoñendo como parte da nova Constitución, xa non será obrigado ser nobre para ir ascendendo a oficial medio ou superior... E ningún negocio dá máis diñeiro que a guerra, se un ascende a un bo posto de mando.-

-Haberá perigo, entón, dunha guerra entre a Francia e o Reino de Cerdeña, que puidese afectar a Niza?- Preocupouse Gaspare.

- A verdade é que o hai, e ademais contra o Austria... pero non debes temela. Ata nos conviría moito. Eu son o teu protector e o das nosas mercancías. E teño posto un pé nos dous lados da fronteira. Confía en min. Xúroche que che avisarei a tempo, polos meus homes, do que che conveña facer.-



CONTINÚA MAÑÁ.

Nenhum comentário:

Postar um comentário