domingo, 11 de julho de 2021

31 - AS FACCIÓNS EN DISPUTA

Aquela tarde, Masetti explicou aos Sitge as diferentes faccións que se disputaban o poder na Asemblea Revolucionaria.


-Os Xacobinos -dicía-, pequena burguesía de politicastros demagogos que xamais traballaran na súa vida máis que falando, intrigando, axitando e sementando división, sentábanse na denominada "Montaña", (as bancadas máis altas da Asemblea, á esquerda do presidente, que daba ou retiraba a palabra), eran radicalmente opostos a que o rei conservase calquera dereito de veto sobre as leis que se propoñían. Os Cordeliers ou sans-culottes, obreiros e artesáns, máis montañeses e radicais aínda, pedían abertamente a eliminación da monarquía.

-Sans-culottes significa "sen calzóns"?- preguntou Sofía.

-Sans-culotes, realmente, significa malvestidos- simplificou Gaspare- clase traballadora que, a diferenza dos jacobinos, non podía costearse vestir seguindo o canon da moda burguesa.-

-Os Montañeses todos, para que quede claro, -seguiu- eran republicanos, populistas, moi radicais e antirrelixiosos, poñían o acento no social, en conquistar a rúa e na soberanía popular, defendendo educación básica para tódolos cidadáns e axudar coas rendas públicas derivadas dos impostos ou as confiscacións aos máis necesitados, para conseguir clientes que os apoiasen. Esixían o sufraxio universal para tódolos varóns, xa pagasen impostos ou non, ou tivesen cultura suficiente ou non para entender o que votaban. Sobre todo, demonizaban e escrachaban con verdadeira virulencia a calquera que tivese unha opinión total ou parcialmente diferente á súa.

Opostos aos Montañeses eran os que se sentaban nos asentos mais baixos da Asemblea, á dereita da presidencia, espazo chamado "a Planura", a chaira, a maioría seguidores de Jacques Pierre Brissot, radicais pero non tanto como os Xacobinos, procedentes, moitos deles, da burguesía adiñeirada do Suroeste Atlántico, Nova Aquitania, capital Burdeos, a rica rexión da Gironde, cuxa autonomía querían preservar e acrecentar, nunha estructuración descentralizada e federal das rexións históricas dentro do estado.

Os Girondinos esixían que tan só quen pagasen impostos tivesen dereito a votar sobre o destino da nación cuxo orzamento sufragaban coa súa contribución económica. Non querían, para nada, intervencións do Estado sobre a economía, nin máis impostos que os mínimos (que deberían destinarse, en primeiro lugar e na súa maior cuantía posible, a facer progresar á rexión que os recaudara).

Aterrábanlles os cambios sociais drásticos que afectasen ao sistema de intercambio económico habitual. Entendían que, o fundamental, era ORDE. Reordenar a economía básica, para que cesase a angustia e a furia subsecuente dos cidadáns, a fin de que puidesen gobernar en paz e con efectividade.

Ao principio estaban dispostos a aceptar unha monarquía, sempre que fose limitada por unha Constitución, semellante á Carta Magna dos ingleses, para impedir o retorno ao Absolutismo. Porén, cando a conseguiron, puxéronse a perseguir, na súa maioría, a deposición do rei.

Os Montañeses, xa Jacobinos ou Cordeliers, buscaban, polo contrario, crear un estado forte, indivisible, igualitarista, uniforme, geometrizante e centralizado en París, que borrase calquera rastro das tradicións feudais históricas: foros, diferenciacións, soberanías, autonomías locais ou linguas das antigas rexións de Francia ou do resto dos países, todo o cal estaba ligado, para eles, ao Vello Réxime oscurantista, igual que a relixión.

Por iso opoñíanse todo o posíbel ás transferencias de poder autonómico ás rexións, xusto as que os girondinos demandaban, case acusándolles de separatistas. En 1791 houbo un verdadeiro cisma, e tiveron que separarse do xacobinismo todos os que aínda pensaban que se puidese ter unha monarquía constitucional e descentralizada.-

- E as mulleres? -preguntou Sofía- Non houbo mulleres esixindo cambios sociais  profundos dentro do proceso revolucionario?-

-As mulleres parisinas de toda clase, pola súa banda, (porque todo desenvolveuse en París, realmente, e as provincias só ían a remolque do que se decidía na capital)- aclarou Gaspare- parecían seguir con interese activo todo o proceso revolucionario, a pesar de que as cuestións a elas referidas foron ignoradas durante a elaboración dos Dereitos do Home, e non tiñan representante algunha na Asemblea Constituinte. En realidade, naquela época non se lles consideraba seres adultos do todo, incluso os ilustrados seguían describíndoas como seres emocionalmente inestables, de pouco seso, de constitución delicada e razón limitada por nervios fráxiles.-

-Non podo crer que non houbese mulleres destacadas entre as parisinas- insistiu Sofía con firmeza.

- Si as houbo -respondeu el- pero, a pesar de que algunhas altoburguesas ou aristócratas aburguesadas destacaban nas Artes e ata na Literatura, parecía haber un consenso xeral sobre a inferioridade intelectual e psicolóxica da muller. Os líderes da Asemblea, cando querían conseguir o seu aplauso, referíanse a elas como as productoras e criadoras, nos ideais cívicos, de fillos da Nova Orde, que un día defenderían nos campos de batalla, estimulándoas a emular ás heróicas espartanas, que entregaban o escudo ao seu vástago e dicíanlle: "Volta victorioso con el, ou mártir da Patria, tendido sobre el". Era unha época moi teatral. Pero prometo que lles falarei de mulleres que tiveron protagonismo, algo máis adiante.-

Sofía pareceu conformarse, e o italiano continuou explicando o devir do proceso:

-A maioría dos revolucionarios radicais pensaba que a nova orde nacional e mundial nacería da destrución do antigo, e que, portanto, a Revolución só podería triunfar cando todos os países de Europa quedasen convertidos en repúblicas irmás de Francia e ningún tipo de monarquía absolutista prevalecese, para opoñerse á Nova Orde do mundo en fraternidade.

Para conseguir ese fin, non importaban os medios, aínda que fose necesario enterrar antes a todas as xeracións inservibles que non conseguisen ser espertadas pola luz da Razón aos ideais cívicos da Nova Era. En 1792 xa había en Francia unha rede de dois mil clubs de "Xacobinos amigos da Liberdade e a Igualdade".

Tralas eleccións dese ano, habíase instituido a Convención como "o único centro de impulso do goberno", asemblea de carácter constituiente, con autoridade para exercer, ao mesmo tempo, os poderes executivo (goberno) e lexislativo (aprobación das leis).

Cada vez máis, portanto, o rei sobraba. E cada vez máis diluíanse perigosamente os principios que, segundo Montesquieu, caracterizaban a unha verdadeira democracia: independencia entre os tres poderes, lexislativo, xudicial e executivo, para que os uns controlasen aos outros e a súa concentración nun só poder non facilitase unha tiranía despótica.

-Para que necesitaban controlarse entre eles?- apuntou a nai da Sofía- Non buscaban a fraternidade?-

-Eran idealistas ata a Utopía, miña señora, pero non inxenuos, e Rousseau tiña unha visión pesimista do home. Aquilo de que "o home é lobo para o home". Argumentaban que, cando non nos sentimos vixiados, tendemos a abusar e corrompernos. Poder total e incontrolado é ditadura totalitaria segura. De todos os xeitos, como xa contei, a medida que conquistaban poder, tendían a eliminar os controis democráticos que podían limitalos.-

Elixidos por menos do dez por cento da poboación, os 749 membros da Convención eran todos ferventes revolucionarios. Iso si, divididos, de composición fluctuante, sen liñas políticas claras, pois a «Montaña» e a «Gironda» non eran realmente partidos, senón sentires.

A maioría do resto dos deputados (que xa non eran «moderados» como ao principio, pois poucos verdadeiros moderados ían quedando), apoiaron alternativamente aos montañeses ou aos girondinos, segundo creron que un ou outro grupo era capaz de encarnar mellor os desexos colectivos en cada asunto e momento.

Os girondinos eran os altoburgueses oligarcas dos territorios máis económicamente desenvolvidos, e querían un Estado de tipo federal, descentralizado, autonómico, para poder ser caciques das súas propias rexións, secundados pola súa base de clientes. Desexaban libre comercio con mínimas intervencións do estado e impostos, apenas regulado pola lei da oferta e a demanda.

Ademais, eran partidarios da guerra contra as monarquías veciñas, porque, ademais de que sempre a guerra enriquece ás oligarquías, pensaban que loitar contra inimigos exteriores uniría aos franceses con disciplina militar e coa cola do patriotismo, un sentimento ancestral, primario, moito máis simple, claro e unificador, para eles, que o de clase social ou de ideoloxía, conceptos tan complexos, divisionistas e cambiantes, que lles daban certo medo.

Pola contra, os xacobinos, liderados polo avogado Robespierre, e outros afins, como os cordeliers ou sans-culottes (Danton e Marat os líderes), eran partidarios dun férreo control estatal sobre a economía, buscando recaudar moitos impostos que alimentasen os múltiples comités e subcomités, onde puidesen dar traballo e soldo aos seus, co pretexto de ocuparse das reformas sociais xeneralizadas, reformas que prometían crear unha sociedade igualitaria, sen abismos entre as clases culturais e económicas.

Ademais, para eles, ao principio, o máis importante era a consolidación da Revolución e non a guerra exterior, onde quen máis adoitaban morrer na liña da fronte eran os soldados e suboficiales recrutados entre os pobres e iletrados, sempre comandados desde un seguro outeiro na retaguarda, por comandantes alto-burgueses.

Na primeira elección, os girondinos obtiveron maioría para gobernar. A Convención Girondina dirixiu Francia durante os dous anos que sucederon ao sometimiento da monarquía. Os girondinos eran burgueses revolucionarios, ás veces radicais, pero, desde logo, máis moderados que os jacobinos. Jacques Pierre Brissot, o seu líder na Asemblea Legislativa, solicitou a proclamación da República.

Ata propuxo declarar a guerra ao Austria, porque o seu imperio estaba acollendo aos reaccionarios emigrados, o que lle enfrontou ao líder xacobino Maximilien Robespierre, que se opoñía a ela, porque quería que todos se concentrasen únicamente, como lles dixen, en consolidar a revolución no interior de Francia.

Xa se falaba en serio, pois, da posibilidade de guerra exterior. No que a min tocaba naquel momento, estaba moi preocupado, porque a guerra podía acabar coa miña produción e o meu negocio. Moita xente en Niza comezou a evacuar a cidade, levándose as súas familias e os seus bens cara ao interior de Italia, por temor a quedar encerrados na primeira liña de confrontación do Sureste.-



CONTINÚA MAÑÁ.

Nenhum comentário:

Postar um comentário