quarta-feira, 14 de julho de 2021

35 - O INCORRUPTÍBEL

-Os xacobinos puideron triunfar porque usaron como carne de canón para facer o traballo máis sucio - contaba Gaspare aos Sitge-, ás turbas de sans-culottes, moi soliviantadas no medio dunha situación de acuciante crise económica e altos impostos sobre o básico, onde as mulleres azuzaban aos seus compañeiros e familiares a intentar acabar á desesperada coas causas daquela insoportábel carestía da vida, que continuaba, a pesar de tódolos cambios legais e de tódolos levantamentos populares. Elas ben sabían o que custaba o pan e as dificultades para tirar adiante ás súas familias.

Noutros medios máis acomodados, é dicir, no seo da alta burguesía, as mulleres desta clase preocupáronse máis por reivindicacións de tipo político e ideolóxico.-

-Por fin vainos vostede a falar das mulleres destacadas da Revolución.- Celebrou Sofía.

Masetti non podía contarlle que, o que sabía delas, chegoulle pola boca da súa prostituta favorita de Marsella, pero explicoullo coma se informárase léndoo en xornais e libros.

Naquel sinistro tempo do Terror, Gaspare Masetti deitábase dúas ou tres veces á semana con Brigitte Dumas, que fora unha burguesa culta, pero que agora, coa súa familia descabezada e arruinada pola Revolución, non tiña máis remedio que exercer a prostitución para sobrevivir, como tantas. Gaspare excitábase moitísimo conversando con Brigitte sobre as reivindicacións de dereitos das mulleres, entanto ela satisfacía, en troca do seu diñeiro, todos os seus requerimentos eróticos.

Ela contáballe, mentres traballaba o seu pracer, como as mulleres atoparon algúns aliados en destacados filósofos dedicados á política, tales como o brillante Nicolás de Condorcet quen, entre outras reivindicacións liberais, loitou para que fosen consideradas cidadás.

Pero nada conseguiu. Os revolucionarios franceses estaban dispostos a agradecer os servizos prestados á causa protagonizados polas mulleres, e aduláronas e as manipularon para estender o seu resentimento, o seu medo e a súa ira, de maneira que servise para axudarlles a trepar ao poder totalitario, pero outra cousa moi distinta era que recoñecesen, despois, os seus dereitos políticos. O sabio Condorcet tivo que esconderse cando caeron os girondinos, por causa de que criticara a nova constitución proposta polos xacobinos en 1793, polo que lle acusaron de traidor. Foi descuberto, detivérono e morreu no cárcere, seguramente envenenado.

-Olympe de Gouges- contaba Gaspare para Sofía, sen citar a fonte, o que lle relatara no seu leito de Marsella a súa erótica Sherezade-, prolífica escritora, bela dama burguesa das que brillaban pola súa intelixencia nos salóns ilustrados da monarquía, escribiu e representou unha obra de teatro e logo un libro, apoiando a abolición da escravitude dos negros nas colonias francesas, a pesar de recibir toda clase de ataques e coaccións do grupo de altoburgueses que se enriqueceu coa escravitude, e que seguiu sendo ben influinte logo da Revolución. Os principais dirixentes girondinos tamén eran abolicionistas e apreciábana moito.

Tras aquelas primeiras loitas sociais, que non conseguiron calala, Olympe ousara redactar, en 1791, dous anos logo de iniciada a Revolución, a "Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá", en resposta á Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, reivindicando a igualdade de dereitos entre o home e a muller.-

A Sofía brillábanlle os ollos de orgullo e pracer, escoitando aquilo. Masetti continuou deleitándoa:

-Algunhas mulleres liberais influintes ata chegaron a fundar clubs políticos, como a Sociedade de Mulleres Militantes Republicanas Revolucionarias, para apoiar avances legais. A gran lei de setembro de 1792 fora vanguardista nese sentido; versaba sobre o estado civil e o divorcio por incompatibilidade de carácter, por consentimento mutuo ou por motivos claros que o xustificasen. O matrimonio xa non era máis un final en si mesmo. Aparecía xusto como un medio de acceder á felicidade individual e, se xa non conseguía ser factor de felicidade, perdía o seu sentido e podía ser anulado.-

-Enorme avance, desde logo.- Apreciou Sofía. -Nós, por aquí, nin podemos pensar niso.-

-As mulleres eran, a partir de agora -seguiu el-, libres de casarse ou non, e de desposar a quen desexasen. Aquelas leis libertarias sobre o estado civil e o divorcio trataban en igualdade a ambos esposos. A muller casada era librada así da tutela obrigada do seu marido.-


Porén, tras aquela abertura liberal do primeiro goberno girondino, veu o golpe de estado xacobino, e a Comuna Insurrecta de París impuxo unha Segunda Convención totalitaria, para que acabase drásticamente coa cuestión centralismo/federalismo dos liberais, dado que o problema actual que lles parecía máis candente viraba ao redor da moi conflictiva situación sociopolítica e militar, ante as cales, dicían, non podíanse tolerar separatismos rexionais nin disensión algunha contra o poder unificado.

Nese momento, todas aquelas tensións xuntas configuraron unha inmensa tempestade. Os sans-culottes ocuparon a Convención e demandaron o arresto de cantos aínda fosen sospeitosos de ser opositores á revolución e á creación dun novo exército revolucionario. A Convención adoptou a Lei de Sospeitosos, que permitía masivas detencións, pola soa sospeita de alguén ser un inimigo da Revolución. A presunción de inocencia acabouse, o tribunal revolucionario volveuse unha farsa dirixida por asasinos fanatizados, que usaban de forma sistemática o medo da poboación para mandar sen disidencias. O Terror imperou.


Durante ese tempo, no que o máis prudente era nin saír á rúa, Masetti gastou moito diñeiro seu para que Brigitte viñese á fábrica de aguardentes con máis frecuencia que o gozoso día en que Massena pagaba. Parecía que o medo á morte facía aumentar o desexo de refuxiarse dentro do corpo doutro, e o ansia do relax sensual que axudaba a deixar de pensar.

En canto ela chegaba, Gaspare facíaa probar os últimos licores que creara para excitala e soltarlle a imaxinación, e tiraba do tema da loita das mulleres desde o momento en que comezaba a espila. Adoraba penetrar nela cando máis chea estaba de fervor revolucionario e non a deixaba, nese momento, que parase de falar de historia e política, entanto ambos ofegaban e gemían.

O seu orgasmo máis memorábel coincidiu cando a bela estaba recordando con entusiasmo como a loita organizada das mulleres había ter os seus mellores froitos no verán de 1793, cando a maioría girondina daquel tempo propuxo a igualdade política nas seccións, asembleas e sociedades populares. No proxecto liberal de código civil daquel ano, a nai ía conseguir a mesma autoridade parental que o pai.

Gaspare entregara con entusiasmo en convulsións toda a súa "autoridade parental" á súa amante mercenaria, felicitándoa por recibila tan ben, antes de derramarse nela.

- ...Porén, os girondinos caeron, e as súas avanzadas propostas de lei encarpetáronse. Na vóráxine revolucionaria, e crendo que vivían aínda no medio dunha democracia de libre expresión- seguía contándolle Brigitte, mentres limpaba o seu corpo tralo pracer -, Olympe de Gouges enfrontouse dialécticamente á Robespierre, defendendo aos girondinos encarcerados e avisando do risco dunha ditadura. O que levoulla a ser acusada de intrigas sediciosas en favor dos liberais caídos. Foi xulgada pola Inquisición Ideolóxica Totalitaria contra a que avisara, condenada a morte e guillotinada.-

Entanto que Brigitte relataba aquilo, Gaspare imaxinábase a Olimpia de Gouges, muller culta e fina como ela, e coraxosa, espida e despeiteada como ela, tombada na táboa da guillotina. Aquela imaxinación pareceulle tan morbosa que tivo que expulsala da súa mente, para non sentirse un monstro.

-"Cousas da líbido, hai unha relación escura e estreita nela, entre a vida e a morte".- Díxose, para desculparse,-"Talvez en épocas moi primitivas do bo salvaxe, o macho, ademais de perseguir e gozar á femia, tiña gana de comela".-

-Cando a ditadura xacobina imperou, desde finais de setembro de 1793 -seguía contando Brigitte, entanto comezaba a vestirse a súa roupa interior-, prohibíronse os clubs femininos. A muller debía regresar ao fogar e deixar a praza pública, os salóns onde se discutía de política e os lugares onde se tomaban oficialmente as decisións políticas. Eu participaba nun deles e tiña unha verdadeira vocación de loitadora social, igual que o meu marido, un liberal dos máis auténticos. Pero os xacobinos detivérono, fixéronlle unha farsa de xuízo e o guillotinaron, e tamén nos arrebataron despois canto posuïamos.-

Trala eliminación de girondinos, hebertistas e dantonistas, o Comité de Salvación Pública, no que o inquisidor máis prominente era o xacobino Maximilien Robespierre, afianzou a súa ditadura e pareceu que a unidade do goberno revolucionario quedaba salvagardada baixo o seu mando total.

Pero pronto produciuse unha profunda división entre os séus secuaces, por causa da "Celebración da festa do Ser Supremo" do 20 de pradial (8 de xuño 1794) promovida por Robespierre, que debeu pensar que ningún sistema podíase lexitimar se non baseábase en algo máis que na soberbia humana. Aquela nova mascarada, logo da da entronización da Deusa Razón por medio dunha actriz no altar de Notre Dáme, supoñía atraer a crítica feroz e a animadversión política do movemento radical ateo, defendido polos "ultrarevolucionarios".


Brigitte, que fora moi parisina e que aínda tiña moitos contactos alí, contara a Gaspare, coa súa creatividade sensualmente teatreira, como desenvolveuse a "Celebración da festa do Ser Supremo" en París, ante as masas, gastándose o diñeiro extraído aos sufridos contribuintes nunha tremenda montaxe realizada por grandes artistas, que recrearon o ámbito cósmico e simbólico do Único Ser Informe que o É Todo, por ser a Orixe formador de todas as formas da Vida.

O pobo non tiña suficiente pan, como acontecía desde ben antes da toma da Bastilla, porén, circo, ben custoso, non lle faltaba para manterse entretido e sen pensar, cousa moi perigosa, porque cando o pobo pensa, pode derribar gobernos. Para mantelo entretido foi que se crearon as relixións tradicionais e as súas espectaculares liturxias e autos de fe, como excelentes cortinas de fume para glorificar aos monarcas e para ocultar os seus manexos na sombra e os escándalos dos validos e os políticos corruptos.

A Revolución era contracultural e quería apagar e substituír toda a memoria histórica das tradicións do Antigo Réxime, así que tiña que inventar unha nova cultura cívica unificadora e ata unha nova relixión que fose a Relixión do Estado, na que o Xefe do Estado e do goberno case aparecese como un enviado providencial de Deus, ata confundirse con Deus mesmo, tal como fixeran os césares romanos e o seu senado de aduladores, xa que a antiga Roma inspiraba o estilo republicano.

Na celebración, Robespierre, como presidente da Convención, marchou só na cabeza do desfile, vestido cunha toga, coma se fose o sumo sacerdote e profeta do novo deus inventado. "O Incorruptíbel", como lle gustaba que os seus palmeiros chamáseno, modelo vivo da virtude cívica e republicana, quería mostrarse como a encarnación mesiánica da supremacía moral dos progresistas.

Repugnante. A festa do Ser Supremo encolerizou aos superviventes dos antigos hebertistas da extrema esquerda, primeiro usados polos xacobinos para facer o traballo máis sucio, e logo guillotinados nas súas lideranzas. As bases resentidas considerárono un claro síntoma de regresión á antiga orde, clericalismo fariseo de nova orde incluída, con estética romana.

A división afondou por causa da Lei do 22 de Pradial, que simplificaba aínda máis os procedementos xudiciais do Terror, porque os membros do Comité de Seguridade Xeral, que era o órgano inquisitorial que ocupábase das detencións, nin sequera foron consultados. Os totalitarios, que xa facía tempo que acabaran coa división de poderes propia da democracia real, querían agora dominar de forma absoluta a policía.


O período chamado "O Terror", que empezara o 17 de setembro de 1793, cando a Convención votou a favor de drásticas medidas para reprimir as actividades contrarrevolucionarias, duraría ata a primavera do ano seguinte. Tan só no mes anterior ao seu final, houbo mil trescentas execucións, pero a maior parte delas foron precisamente dos propios xacobinos en competencia entre si, e os seus seguidores. Os políticos revolucionarios izquierdistas devorábanse polo poder.

-"O terror non é máis que a xustiza rápida, severa e inflexíbel"-, dicía Robespierre para xustificar a necesidade de tanto sangue.

Os xornais convertéronse en puros panfletos exaltados e só contaban o que os seus donos permitían contar, segundo a quen servisen, pero Tomasso Conti, o afillado de Massena, sempre moi ben informado e bastante imparcial, contou que sitiárase Lyon por un exército revolucionario cinco veces maior que o contrarrevolucionario, e logo bombardeóuse intensamente. Tomasso oíra que o mariscal vencedor, o famoso François Christophe Kellermann, negouse a cumprir a orde de arrasar a segunda cidade de Francia, polo atrevemento de rebelarse, aínda que si desmaltelaron as súas murallas.



Tomasso Conti chegara á fábrica con bos viños para celebrar xuntos que os xornais honraban a primeira vitoria persoal do séu padriño Andrea en Saorgio, en agosto de 1794, un enfrontamento de pouca transcendencia estratéxica, pero que foi unha das poucas batallas gañadas polas tropas francesas desde dous anos antes. El afrancesara o seu nome e agora coñecíaselle como André Masséna.

En metade do verán, Gaspare tivo a alegría de ler a noticia do primeiro éxito importante do seu patrón e heroe, conseguido na Batalla de Lonato, contra os exércitos austríacos de Peter Quasdanovich.




CONTINÚA MAÑÁ

Nenhum comentário:

Postar um comentário